Os galegos en Mayotte, tras o ciclón Chido: «Hai quen necesita axuda médica e aínda está á espera»
ACTUALIDAD · Exclusivo suscriptores
A medida que a luz e a auga van volvendo a algunhas partes da illa, a ourensá Raquel Trigo intenta aguantar e axudar en todo o que pode mentres agarda pola asistencia do Consulado español
20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cinco días despois do impacto do ciclón Chido na illa de Mayotte, a ourensá Raquel Trigo fala todos os días co Consulado español e coa súa irmá, Rocío, que está pendente de todas as novas dende Sandiás. «A luz e a auga aínda non volveron. Comida segue tendo, que non se lle rematou, e pode aguantar uns días máis», conta Rocío. Pero o Consulado segue sen ofrecer ningunha solución, á espera das ordes do Goberno francés, e os recursos esgótanse.
Por sorte, Raquel non perdeu o coche. Pode desprazarse pola illa, ata algunhas zonas onde xa hai auga, electricidade e cobertura, e dende aí carga o teléfono e fala coa familia. «Preto do aeroporto, por exemplo, si que empeza a haber eses servizos, e a xente local está recibindo auga e alimentos. Eles [os españois] aínda non», explica Rocío, que se amosa comprensiva: «Os mayotenses perdérono todo. Non teñen nin comida, non teñen nada, por iso Francia os prioriza».
A comunidade española no departamento francés —unhas cincuenta persoas— está intentando exercer presión para que España os evacúe ou envíe axuda o antes posible. Rocío conta o caso dunha persoa en concreto que necesita asistencia sanitaria, apuntouse nunha listaxe do Consulado para saír da illa e explicou a súa situación, pero aínda está á espera.
O que lles queda aos españois, polo tanto, é botarse unha man mutuamente. «Estanse axudando moito, iso pódocho garantir. De feito, a miña irmá ten a unha persoa con ela, na casa, que perdeu a vivenda —afirma Rocío—. E non só entre eles. Raquel tamén axuda moito á xente local, veciños de alí que non teñen recursos... Está axudando todo o que pode, pero a ver o que aguanta».
Por outra banda, Nerea García, con quen La Voz de Galicia falou onte, segue sen saber nada das irmás muradás Carina e Carla Sendón. «Las noticias llegan a cuentagotas», di. Emmanuel Macron prometeu este xoves, dende Mayotte, todo o pulo do Estado francés para reconstruír o territorio. «Se puidemos reconstruír Notre Dame, poderemos facelo con Mayotte», asegurou. O presidente prometeu un plan global de rexeneración, aínda que recoñeceu que por agora é «imposible» calcular canto custará.