Olimpismo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Hannah McKay | REUTERS

11 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Simone Biles fixo o exercicio que lle deu o ouro no all around, as cámaras enfocaron a Rebeca Andrade, que, coa súa escintilante sombra de ollos amarela, aplaudiu cunha admiración tan sincera que, de certo, parecía feliz. As mesmas admiración e felicidade que percorreron o mundo naquel podio de ximnasia que xa pasou á historia: Biles coa prata e Chiles co bronce, reverenciando a Andrade co seu flamante ouro nunha inmensa mensaxe de humanidade.

Tamén He Bing, a rival que ía perdendo cando Carolina Marín rompeu en corpo e alma perdendo a súa medalla, chorou canda ela, ao verse cun trofeo que sabía a inmerecido, e así o demostrou no podio, dedicándolle a prata que lle escapou á española entre os efluvios do olor a desinfectante da perna esnaquizada.

Pero estes Xogos pasarán á historia pola intolerancia que, como sucedeu nas Olimpíadas de Berlín de 1936, ao final, prevalece por riba dos xestos de amor. Todo comezou nos días previos á cita parisiense, cando a presidenta ultradereitista Giorgia Meloni caldeou os ánimos de todo un país cunha sucia mentira: dixo que a boxeadora Imane Khelif era un home..., e iso que en Alxeria, o seu país, está prohibida a transexualidade! O seu delito: un corpo non normativo, con altos índices de testosterona, e unha aparencia que non lle acaería a unha peli de tules e porcelanas. Pero a verdade tanto ten: a consecuencia de todo isto non é que a boxeadora italiana se retirase choromicando 46 segundos despois de comezado o combate coa alxeriana, senón que esta foi ameazada de morte.

Os xestos de amor e respecto das outras deportistas quedan en inocentes detalles, impotentes diante do perigo real. É esa capacidade dos intolerantes de sinalaren a quen os coloca diante do espello da súa propia covardía.