¡Ay, Felipe de mi vida!

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

01 jun 2024 . Actualizado a las 10:16 h.

A dereita relouca de contenta despois de que Felipe González puxese a parir a Pedro Sánchez no programa El hormiguero. Non é para menos. Que o gran líder socialista, gañador de catro eleccións consecutivas, faga súas as acusacións da dereita, da dereitona e da dereita extrema ao presidente Sánchez provocou orgasmos múltiples, de pezóns e ata de exaculación precoz en coñecidos dirixentes do PP e Vox, e en columnistas da súa corda que se sentiron autorizados a aldraxar o electorado socialista, e fixérono. Eu coido que Felipe González ten dereito a descualificar a política de Pedro Sánchez porque el e os máis dos seus ministros escoitaron unha psicofonía coa mensaxe que os alcaldes de Móstoles enviaran o 2 de maio de 1808 aos españois para que non permitisen a invasión do exército de Napoleón, e aquel «Españoles, la patria está en peligro. Acudid a salvarla» chegoulles á alma. Home, tanta emoción sentiron que Felipe González e Alfonso Guerra, despois de case trinta anos aborrecéndose e sen falárense, andan collidos da man e son os Daoiz e Velarde do noso tempo.

Ata aí todo vai ben. O malo é que esa dereita que hoxe eloxia a Felipe González e o pon como exemplo de socialista capaz, responsable e patriota, hai trinta anos acusouno de corrupto polos casos Filesa, Ibercorp, Roldán e Juan Guerra; e quixo metelo na cadea como responsable máximo dos crimes de Estado cometidos polos GAL. Un grupo de xornalistas, no que estaban Luis María Anson, Pablo Sebastián, José Luis Gutiérrez, Manuel Martín Ferrand, Jiménez Losantos, Antonio Herrero, Pedro J. Ramírez e bastantes máis, crearon a Asociación de Escritores y Periodistas Independientes e fixeron canto puideron para probar que Felipe González era o señor X. Contoullo Anson a Santiago Belloch nunha entrevista publicada na revista Tiempo, en 1998: «Había que terminar con Felipe González, esa era la cuestión. Al subir el listón de la crítica se llegó a tal extremo que en muchos momentos se rozó la estabilidad del propio Estado, pero era la única forma de sacarlo de ahí». A xustificación da carencia de ética profesional é un insuperable alarde de cinismo: «Si llega a ganar las elecciones del 96, con la bonanza económica no hubiera habido quien lo echase hasta el 2004. No salimos de 40 años de Franco para entrar en 30 años de González». «Fue una operación de acoso y derribo. Algunos lo hicimos desde el convencimiento honesto de que era un servicio al sistema democrático».

Era boa! A verdade é que a dereita non atura os Gobernos de esquerda e, sexan Frankenstein como os de Pedro Sánchez ou de maiorías absolutas como os de Felipe González, sempre lle parecen Gobernos okupas que cómpre chimpar polas boas ou pola brava. Éche o que hai.