Navalni como síntoma
OPINIÓN
A morte do opositor ruso Navalni na cadea rusa sacude o mundo. Non semellaba pouco anunciado un desenlace así. Non foi o primeiro nin será o derradeiro. Unha sinal, outra máis, do que está a acontecer en boa parte dos gobernos de todo o mundo. A loita contra a democracia avanza, case sen decatarnos. A morte de Navalni, posiblemente en tres días será superada por unha presumible matanza en Rafah, por algunhas desas fotos espectaculares do que está a facer Bukele coas maras, pola banalización do agresivo discurso de Milei, pola normalización das verbas dun expresidente dos EE.UU. que promete rebentar toda a estrutura de autodefensa do mundo occidental se non cumpren determinados Estados ca débeda de todo cliente… Suma e sigue. E non parece que amaine o temporal.
Todos os exemplos anteriores —esa «mutación do capitalismo», citando a Josep Ramoneda— loitan contra a democracia. A solución non é clamar moitas veces a verba democracia: unha sociedade non se converte en mais cívica por arte de maxia. Non se debería tratar a cidadanía como parva. Porque o que se xoga o mundo nestes anos é terrible. Hai tempos así. Recórdame o relato dun agachado durante os primeiros días da Guerra Civil en Compostela tras o golpe de xullo de 1936: «Nunca o mundo fora tan pouco normal como nestes días». Non recoñecemos tampouco este mundo. Cada momento que pasa, a vaga de violencia, de confrontación, de odio, é mais grande. E ás vísceras só se lles gaña coa reflexión e a temperanza. E iso require tempo.
A maioría da sociedade atopase superada. Exhausta. Acelerada. A precariedade do emprego, a ausencia de tempo para un mesmo, a inmediatez a que nos aboca o noso xeito de comunicarnos hoxe en día, o clima que se torna día tras día mais e mais agresivo contra a natureza e que vemos todos os días ao saír da casa… Nun pequeno reduto de valores cívicos e sociais que se chama Europa. Practicamente o resto do mundo xa está noutra pantalla. Seguimos poñéndonos unha venda nos ollos? O xénero humano ten unha enorme capacidade de adaptación. Mais non esquezamos que esta faise para tentar sobrevivir, que non é o mesmo que vivir.
A morte de Navalni encherá páxinas de xornais e medios de comunicación, sen dúbida. Cantos días? Cal foi o impacto mediático da guerra de Ucraína, que está a piques de cumprir dous anos? E que pensades da ausencia de respostas tras a inclusión polas autoridades rusas nunha lista de busca e captura da primeira ministra de Estonia? Tamén pasará? A maioría non creron aquelas advertencias comentadas tras a invasión de Ucraína de que o Goberno de Putin non ía só contra Kiev, senón que era o inicio da tentativa de resarcirse dos resultados do que nos chamamos a «caída do Muro», e que tenta retomar esa posición hexemónica que xogaba a Unión Soviética en boa parte do século XX.
O único que quere a xente é vivir en paz. Lóxico. Humano. Os historiadores sabemos que estas vagas existen. E pasarán. Abofé que si. O que non sabemos é cando. Non se debeu tardar tanto en considerar o que acontecía ben visible fora do noso cómodo espazo occidental. Aquel artigo de O fin da historia, de Francis Fukuyama, fixo crer que estábamos ante un futuro paraíso capitalista no que non habería máis cambios. Debuxaba un futuro pleno. E previsible. Rematou ese tempo. Estamos noutro máis ameazador xa.
Comentarios