Sanxenxo non é Sanjenjo nin Sangenjo

OPINIÓN

Playa de Silgar en Sanxenxo abarrotada
Playa de Silgar en Sanxenxo abarrotada CAPOTILLO

19 may 2022 . Actualizado a las 12:26 h.

Sshhhh! Non o dicir, que é un segredo. Mal saben os que raspan o nome de Sanxenxo estes días contando a chegada do rei emérito, que a vila prefire ser acariñada polas cordas vocais que arrastrada na gorxa, como quen bota fóra as inmundicias da garganta tras pasar por un catarro. É así sobre o papel dende que a lei lle dá o único rango oficial á fórmula galega do nome da vila. Iso é ben sabido. Non tanto, quizais, que a pronuncia, salvo períodos anecdóticos na historia, por recentes que foran, foi sempre esa que se parece máis ao murmullo das ondas na praia de Silgar, que ao do ruído dunha gran cidade como Madrid. Sanxenxo non é Sanjenjo, nin Sangenjo nin San Ginés.

Non fai falla levantar demasiado a voz, porque sempre haberá quen non queira escoitar nin indagar na historia para coñecer que a pronuncia ao longo dos séculos, documentada e perfectamente explicada nun artigo sobre o tema recollido pola Real Academia Galega, estivo sempre mais preto dese son co que se pide silencio ou se calma os nenos. Ssshhh, sshhh!

A polémica continuará, como digo, porque nisto do topónimo de Sanxenxo hai verdadeiros militantes da fórmula Sangenjo, tamén de Sanjenjo, máis inclinados ao enfrontamento, como se perderan a lugar dos seus veráns por cada «j» o «g» que cae da grafía, que ao consenso que suscitou a lei de normalización lingüística nesta terra, ou a evidencias constadas por Sarmiento, xa no século XVIII, que recorda como en Galicia a súa pronuncia é ao modo francés, italiano, catalán ou portugués.

Cada quen, no seu ámbito privado que diga como queira, pero teles e radios nacionais, e demais plataformas, ben podían ter en conta a sensibilidade que a cuestión da oficialidade da toponimia ten en Galicia, froito do consenso traballado ao longo dos anos, sen recorrer a imposición algunha.

Foron uns anos preciosos os que vivín en Sanxenxo, como residente os doce meses do calendario, e é certo que o topónimo tende a facerse máis árido en certas épocas do ano, cando hai máis movemento. Os de alí prefiren o oficial. Tras esta fin de semana un pouco tola en Sanxenxo, alí seguirá a vila, amable, acolledora. Mesmo con quen lle raspa o nome.