A investigación que rematou con António Costa desínchase

Brais Suárez
Brais Suárez OPORTO / E. LA VOZ

ACTUALIDAD · Exclusivo suscriptores

Sede da Fiscalía de Portugal, en Lisboa.
Sede da Fiscalía de Portugal, en Lisboa. Brais Suárez

O xuíz de instrución ditou que sexa devolta a fianza que a empresa Start Campus pagara como medida cautelar

25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada nova resolución xudicial no marco da Operación Influencer, que a Fiscalía deu a coñecer o pasado 7 de novembro e provocou a inmediata dimisión do daquela primeiro ministro, António Costa, quita autoridade á fiscala xeral e lla outorga ao socialista, que agora preside o Consello Europeo. Este mércores, o xuíz Nuno Dias Costa, do Tribunal Central de Instrución Criminal, ditou a devolución da fianza de 600.000 euros que a empresa Start Campus pagara como medida cautelar, informa o xornal Expresso.

Xa en novembro, o mesmo xuíz reducira a cifra inicialmente solicitada pola Fiscalía, de 19 millóns de euros, a só 600.000 euros, xunto cunha serie de medidas cautelares que considerara excesivas para os imputados. Fora o primeiro gran golpe á credibilidade da investigación, que continuou desinchándose coas decisións de instrución e apelación. De feito, en abril o Tribunal de Relación de Lisboa considerou que non había indicios delitivos, o que levou a Start Campus a recorrer novamente a fianza, e a xustiza volveu darlle a razón.

Start Campus é a empresa en torno á que xirou a investigación, que vía posibles irregularidades na obtención de licencias para construír un grande centro de datos na localidade de Sines. Porén, a empresa continúa as obras do primeiro edificio do complexo e contempla aumentar a súa dimensión ao dobre.

Despois de varios meses de silencio e tras unha enorme presión pública, a fiscala xeral da República, Lucília Gago, compareceu públicamente a inicios deste mes, cando defendeu que aínda seguía aberto o proceso da Influencer. Tamén excluíu calquera responsabilidade persoal na dimisión de Costa, que non chegou sequera a ser imputado.

O vindeiro 11 de setembro, apenas un mes antes de que remate o seu mandato, Gago deberá comparecer ante a comisión parlamentaria de Asuntos Constitucionais para esclarecer a actuación da Fiscalía no caso que acabou co anterior Goberno socialista, que obtivera a maioría absoluta no 2022.

Asemade, este mesmo mércores, a Comisión Europea emitiu un comunicado sobre o Estado de dereito en Portugal. O organismo explica estar ao tanto «das discusións públicas sobre o traballo da Fiscalía» portuguesa no tocante a «investigacións delituosas de alta visibilidade» e lembra que, «en conformidade coas normas europeas, os Estados deben tomar medidas axeitadas para garantir que os fiscais sexan quen de desempeñar os seus deberes e responsabilidades sen interferencias xurídicas», mentres que «a Fiscalía debe prestar contas periódica e públicamente polas súas actividades como un todo e, nomeadamente, o xeito como as súas prioridades se executan».