O Asmubal entrégalle o liderado ao Gijón dilapidando tres goles de renda cunha cadea de erros final
DEPORTES
O cadro meañés colapsou cando tiña a vitoria na súa man
24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño perdeu na noite de onte a condición de líder do Grupo A da División de Honor Plata Femenina. Nun partido a cara de can fronte ao segundo clasificado, o Balonmano Gijón, as pupilas de Juan Manuel Costas probáronse finalmente inferiores cando, co apoio da súa afección na grada de Coirón, semellaban ter enfiado o camiño da vitoria, desperdiciando tres goles de vantaxe a pouco menos de seis minutos e medio para o final (27-24) e entregándolle ao seu adversario o cetro cunha sucesión de erros groseiros.
O Balonmano Gijón demostrou ser o máis regular dos dous aspirantes ao liderado durante os 60 minutos de partido. Tal e como agardaba o adestrador local, trátase dun equipo granítico no despregue da súa 6-0 en defensa e con riqueza de recursos ofensivos cos que percutir a portería rival. Armas coas que se probou superior durante practicamente toda a primeira parte, cunha vantaxe máxima de 9-13 liderada pola súa central Saray Trabanco e pola lateral esquerda Laura Pérez. A exclusión da primeira no treito final facilitoulle ao Asmubal un parcial de 1-5 co que empataba o partido ao descanso (14-14).
O paso por vestiarios sentoulle de perlas ás de Costas, que parecían abrazar a guía cara o triunfo que os seu adestrador lles recordaba no intermedio. Axustando a súa defensa, e con Danilza enlanzando tres goles en tres minutos, o Asmubal deu un primeiro estirón de +3 que o Gijón recuperou. As locais, coa seguridade dunha Larralde que ata parou dous sete metros, semellaban enfiar o alirón co 27-24 de Eli Méndez no 53,33. Pero entón comezou o seu carrusel de despropósitos tras un tempo morto visitante, encadeando cinco perdas imperdoables mentres encaixaba catro tantos.
FICHA DO PARTIDO:
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Guadalupe Larralde, Paula Rey (2), Danilza Liranzo (5), Vanesa Domínguez, Laura Miniño (5), María Currás (2) e Cárol Ferreira (6) —septeto titular—; Nadia, Arangio, Uxía, Andrea Cores (1), Ballada (1), Eli Méndez (5) e Shaila.
BALONMANO GIJÓN (28): Zoe González, Lucía González (1), Thiara Villasboa (6), Saray Trabanco (8), Laura Pérez (5), Eva Vide (3) e Gisela González (2) —septeto titular—; Marta Durán (2), Silvia Menéndez, Adriana Menéndez (1), Marian Mallou, Parapar e Lorena García.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-2, 4-5, 6-7, 8-10, 10-13, 14-14 (descanso); 17-15, 20-18, 22-22, 24-23, 27-25 e 27-28.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Julio Villanueva e Pablo Torreiro. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Ferreira (min 9.29) e Liranzo (min 16.51) e as visitantes Trabanco (min 26.19) e Gisela (min 31.49).