O adestrador do cadro local pídelle o mellor nivel defensivo ao seu equipo para decantar o partido do seu lado
23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Pavillón Coirón Dena é esta tarde noite o escenario do mellor partido que se poida ver nestes momentos no Grupo A da División de Honor Plata Femenina do balonmán español. O equipo anfitrión, o Inelsa Solar Asmubal Meaño, defende desde as 20 horas o liderado que loce con 15 dos 16 puntos posibles fronte a un Balonmano Gjión segundo con 14.
«Penso que é o rival máis complicado de todos». O adestrador do cadro meañés, Juan Manuel Costas, refírese así ao Gijón da mesma forma que o leva facendo desde o inicio da Liga. Unha opinión que sustenta sobre a calidade do cadro de xogadoras do conxunto asturiano, coa central Saray Trabanco coma máximo expoñente, e confirmada co paso das semanas vendo o balonmán despregado polo seu hoxe rival. «Xogan ben no un contra un e fan un ataque máis elaborado co resto, encadeando varias situacións tácticas diferentes na mesma xogada, amosando un pouquiño máis de paciencia no ataque posicional», debulla Costas.
No lado contrario da cancha, a nivel defensivo, o Balonmano Gijón dispón unha liña en 6-0 que complementa cunha boa blocaxe no un contra un, di o técnico do Inelsa Solar Asmubal Meaño, que conclúe: «É difícil que comentan erros».
Así as cousas, Costas salienta que «a clave para nós é defender ao noso mellor nivel. Manter o ritmo alto atrás e buscar contraatacar» con fluidez. Un cóctel que pasa, avisa a navegantes, porque: «As miñas xogadoras estean centradas no partido». A calidade do adversario e o susto recibido só sete días atrás na visita á Cañiza, con Cárol Fajardo empatando na última acción do encontro para evitar a primeira derrota da temporada, deben servir para iso.