Jim Graña en «De 0 a 100»: «Coas novas instalacións loxísticas pretendemos facturar 100 millóns en 2030 dende Palas de Rei»
O fundador e CEO de Jim Sports acudiu ao programa de La Voz de Galicia en colaboración coa Consellería de Educación para compartir co alumnado do centro de Melide onde estudan os seus propios fillos a idea de emprender dende o rural, nun eido que che guste e cos ollos sempre abertos ás tendencias do mercado. Todo comezou cando aínda era docente de Educación Física, cando importou de China uns balóns de baloncesto. Do garaxe da casa dos seus pais, pasou a ocupar diferentes baixos en Melide e hoxe a súa empresa, con sede no concello veciño de Palas de Rei, opera a nivel internacional. Este provedor de material deportivo conta con 17.000 referencias diferentes no seu catálogo e realiza 15.000 envíos cada mes por todo o planeta con 500.000 unidades en total. «A nosa idea é, en 2030, ampliar as nosas instalacións ata os 130.000 m3 de almacenaxe cun novo almacén aduaneiro. Ter esta calificación permitiranos non ter que pagar impostos ata que teñamos vendidos os produtos». Jim sinala ademais que a clave vai ser poñer tamén ese espazo ao dispor de outras empresas: «Con el queremos duplicar o noso volume de facturación actual ata os 100 millóns de euros».
Iago García / Senén Rouco / Álex López-Benito